|

Entrevista a Antón Castro, da Liga Estudantil Galega

Como nace a Liga Estudantil Galega?

A Liga nace por unha forte división dentro dos Comités, a raíz da cal a gran maioría decide embarcarse noutro proxecto que supere as dinámicas sectarias e conformistas que viñan mantendo os Comités, e considerando que estes xa non eran estratexicamente útiles para acadar os nosos obxectivos.

Que proxecto de ensino e de país defende a nova organización?

A Liga recolle o facho político de ERGA e os CAF e CAE, defendendo un ensino público, galego, democrático, de calidade e antipatriarcal, nunha universidade única supeditada aos intereses do país, ao tempo que entende como principal causa da precaria situación do ensino o actual sistema económico e a nula capacidade de decidir dos galegos sobre un sector tan importante como é o educativo.

Con que presenza contades xa nos centros de ensino?

Na actualidade, e menos dun mes despois da nosa constitución, somos totalmente hexemónicos na USC e estamos en pé de igualdade no resto de campus, contando iso si ca vantaxe da ilusión que implica este novo proxecto. Se cadra o sector máis feble é o ensino medio, no que se partía dunha situación moi precaria, pero no que estamos a traballar duramente tendo xa os primeiros resultados en forma de constitución de asembleas en varios institutos.

Que motivos explican un panorama tan fragmentado no movemento estudantil nacionalista?

Nos últimos anos non houbo ningún proxecto capaz de ilusionar e unir o gran potencial do nacionalismo no movemento estudantil. Caemos unha e outra vez en agrupacións preocupadas máis en disputas internas que en loitar contra o EEES ou contra as agresións contra o galego. Cremos que este novo período é unha oportunidade de ouro para tentalo; evidentemente non hai nada que garanta o éxito pero temos claro que é unha oportunidade que non podemos permitir estragar, nin nós nin a sociedade galega en xeral.