|

Entrevista con Ximena González, candidata nº6 nas listas do BNG en Ourense

Ximena Mariel González Ataide (1979, Bos Aires) é veciña de Ourense, filla de emigrante galego e nai arxentina. Vive en Ourense dende os 11 anos. Traballou na hostelaría e estudou Arquitectura Técnica. Participa activamente no movemento feminista. Foi Responsábel dos CAF no Campus da Coruña, militou en Galiza Nova até o 2009, foi responsábel de organización de Isca!, forma parte do Consello Local do BNG en Ourense, é a candidata nº6 da lista do BNG en Ourense (en Ourense hai actualmente 6 concelleiros do BNG).

Existe capacidade de manobra desde o campo municipal para realizar políticas transformadoras no contexto da ofensiva neo-liberal?

Sempre, sempre hai diferencias entre as políticas que podan desenvolver partidos neoliberais como PSOE ou PP ás que pode facer o Bloque Nacionalista Galego e sempre hai capacidade para facer as cousas douto xeito. Pese a non ter, por exemplo, competencias en materia de vivenda, os Concellos poden ceder a outras institucións chan para adicar a vivendas que logo se poñan ao dispor da xente moza para alugueiros baratos, en Ourense dende a responsabilidade de vivenda o BNG fixoo co Instituto Galego de Vivenda e Solo posibilitando 40 vivendas de renta baixa para a mocidade na zona histórica.

Os Concellos si teñen competencias en materia de transporte urbano, mentres a Xunta se afana en retirar o servizo do Noitebús dende os Concellos se poden facer políticas que cubran estas necesidade, no caso de Ourense, dende a área de Mobilidade o BNG puxo en marcha dúas liñas de Moucho Bus que funcionan en Ourense ao servizo da Mocidade.

A pesar de que as competencias de emprego son da Xunta de Galicia, pese a que o señor Feijóo se declare incompetente nesta materia (e en moitas outras, engado eu) dende os Concellos poden realizarse políticas que axuden a dinamizar a economía local e redunden na creación de emprego, políticas que, ao tempo, respondan a lóxicas diferentes ás dos mercados e os especuladores, xerando riqueza a partir dos recursos propios. No caso de Ourense un exemplo é o termalismo, do que o PP se esquecera ata hai 15 días. Área de goberno do BNG dende a que se ten impulsado o aproveitamento do caudal de augas quentes (2º maior de Europa) a través de diferentes infraestruturas de aproveitamento, todas elas respectuosas co meio. Tras estes 4 anos de BNG no goberno Ourense é Capital Termal de Galiza e está en inmellorábeis condicións para ser referente europeo nesta materia. Unha das propostas de futuro do BNG neste sentido é a creación do Centro Tecnolóxico da Auga e o Termalismo, proxecto de futuro para a cidade.

Por que é importante que a mocidade de o seu voto ao nacionalismo galego nestas eleccións municipais?

O Bloque Nacionalista Galego é a alternativa ás políticas regresivas do PSOE e ás políticas de extrema dereita que representa o Partido Popular, unha alternativa de esquerdas que aposta polo futuro de Galiza, e o futuro de Galiza pasa por unha firme aposta pola mocidade.
Non hai ningunha outra forza política que se apresente a estas eleccións que faga unha aposta máis clara pola mocidade e o seu futuro, pola participación política das mozas e mozos, pola reactivación económica dos nosos sectores produtivos e o investimento en I+D+i que son os dous eixos principais da creación de emprego de calidade para a mocidade.
Fronte ás políticas clientelares do PP, que en Ourense por exemplo propón como medida estrela para a mocidade unha “Hipoteca Joven” que só é unha intermediación entre Concello e Inmobiliarias, está o Bloque Nacionalista Galego que propón dinamización económica a través de sectores estratéxicos como o termalismo ou a cultura, creación de emprego e acceso á vivenda con alugueiros baratos para a mocidade.

A necesidade de desmontarmos as redes clientelares e caciquís. Como se  dificulta a entrada do BNG nos concellos, especialmente no rural?

Que podemos decir eu que o sufro en Ourense que non se teña dito e denunciado xa. A maquinaria do caciquismo é difícil de derribar, é unha das revolucións pendentes que temos no país, o traballo constante da militancia xoga un papel fundamental nesta tarefa, facer de cada militante nacionalista un referente social para a veciñanza é básico, as nosas armas poden ser máis efectivas que as súas se cada unha de nós se implica na súa comunidade, no seu centro de traballo, na escola, nas asociacións de veciños, culturais, deportivas, traballamos mellor, concebimos a política como un servizo ao país e ás súas xentes, dende a honradez e o compromiso, onde hai un militante comprometido do BNG hai menos caciquismo, estou convencida de que con iso podemos contra todos os atrancos que colocan. E denunciando as prácticas delictivas de censura, presión e intimidación en moitas zonas do rural, claro.

Colocarmos o discurso nacional e de clase no ámbito municipal. Oportunidade ou debilidade?

Dende a política municipal, cando se consigue falar de políticas municipais en campaña e non se limita a un xogo de insultos e intereses, falamos da necesidade de aplicar dende os Concellos políticas que permitan por un lado unha distribución máis xusta dos investimentos e por outra poder de decisión sobre as cuestións que nos afectan. Nese contexto parece evidente que a cuestión nacional e de clase é unha oportunidade para explicar esas mesmas necesidades que se detectan a nivel municipal no plano nacional e é o BNG a única forza política coherente na defensa dos intereses da clase traballadora e do país. PP e PSOE xogan, tamén en campo municipal, a situar os seus peóns en Madrid que é dende onde se definen as políticas que nos afectan, o Bloque, por contra, situa o discurso no campo municipal que é o que se decide, mas con certo medo ao discurso nacional, á necesidade de explicitar, por exemplo, que se Galiza non pode decidir sobre política fiscal mal podemos modificar a fiscalidade dende os concellos. Se Galiza non pode decidir sobre os seus sectores productivos dende o local só se poden pór parches, se Galiza non pode decidir sobre os seus sectores estratéxicos o desenvolvemento dende o local non pode ser máis que parcial. Desligar o discurso municipal do nacional é a debilidade.

Como xerarmos sinerxias entre os movimentos veciñáis, sindicais e sociais cos concellos gobernados ou co-gobernados polo BNG, subsanando erros pasados?

É fundamental, non pode haber política transformadora sen a sociedade, o Concello debe ser a ferramenta de cidadanía para construír o país que queremos. Desligar os movementos veciñais das actuais dinámicas é o primeiro paso, esas federacións de veciños e veciñas adicadas a conseguir fondos públicos para festas gastronómicas non son movemento veciñal. O BNG debe ser exemplo de colaboración cos movementos sociais, de forza transformadora e de políticas transparentes e participativas.

Como evitarmos que os concellos sexan conselhos de administración do capital ou instrumentos dos empresarios?

Só a presenza do Bloque Nacionalista Galego pode impedir a instrumentalización das institucións por parte dos empresarios e o capital. Sería ridículo crer que o PP ou o PSOE poden desligar a súa acción de goberno dos seus intereses partidistas e persoais, organizacións vinculadas a empresas con intereses locais e nacionais e á banca.

Non hai máis que coller unha lista de calquera deles para ver quen se presenta, e así de simple. Por exemplo en Ourense o PP leva 5 empresarios nos primeiros 10 postos da lista, alguén pode pensar que non van gobernar para os seus intereses? o BNG é a única forza política que pode garantir que goberna por e para a xente, exemplos como Allariz, Pontevedra ou estes 4 anos en Ourense demostran que se poden pensar e facer os concellos para a xente.