|

Entrevista a Tasio Erkizia

Abriuse en Euskal Herria un novo escenario político. Podemos dicir que tivo a súa orixe no documento ‘Zutik EH’? Como se xestou todo este proceso?

Hai algo máis de dous anos, na esquerda abertzale abriuse un proceso de reflexión e de debate en profundidade no que participaron máis de 7.500 persoas. Unha vez analizada a situación do Estado, a situación política mundial e, moi particularmente, a situación que estamos vivindo en Euskal Herria, fixémonos unha pregunta básica: cal é a estratexia máis adecuada para xuntar o máximo de forzas de Euskal Herria e gañarlle ao Estado esta partida política? Chegamos a unha serie de conclusións: a primeira, que o Estado estaba distorsionando o problema e que, no canto de situalo en clave política, estábao situando en clave de antiterrorismo. Había que centrar o debate político en termos exclusivamente democráticos, dunha relación de igualdade entre Euskal Herria e o Estado español, con respecto a todos os dereitos de todas as persoas tanto de Euskal Herria como do Estado. En segundo lugar, que para obrigar ao Estado a estabeceler o debate en termos democráticos era necesario activar a sociedade vasca e axuntar o máximo de forzas políticas e sociais abertzales que existen no noso pobo. O máximo de vontade popular a prol dunha solución democrática. En terceiro lugar, que era posíbel gañar ao Estado, que estabamos avanzando no noso proxecto político, pero que o Estado nos conseguía bloquear. E considerabamos que estabamos avanzado, porque o Estado das autonomía fai augas, especialmente en Euskal Herria. Porque xa non é un punto de encontro, non responde nin a un mínimo sector de Euskal Herria. Hai unha conciencia xeneralizada de que é un instrumento inválido, que non serve para poder construír, nin para que sexa respectada a nosa personalidade como nación diferenciada e que, polo tanto, non responde ás aspiracións económicas, culturais, lingüísticas nin sociais do noso pobo. Porén, esa crise había que levala a ser contrastada cunha proposta política e a nosa grande aposta era pasar da defensiva, da resistencia, a unha fase ofensiva de gañar cunha proposta política clara e alternativa ao que nos ofrece o Estado español. Esas foron as tres principais conclusións, e unha cuarta sería que nós apostamos claramente por utilizar exclusivamente as vías políticas e democráticas na súa ofensiva de varrer do mapa a Euskal Herria.

A esquerda abertzale define este proceso democrático en tres etapas: condicións mínimas, acordo democrático e marco democrático. En que consisten e en que punto está situado hoxe?

A primeira etapa, na que estamos, é conseguir que a grande maioría das forzas políticas, sociais e sindicais do noso pobo defendan uns mínimos democráticos e que o Estado respecte o dereito a facer política en Euskal Herria e os dereitos humanos a todos os niveis, sen distorsión nin presión, nin por parte dunha organización armada vasca nin por parte do Estado. Todas as forzas políticas teñen que poder facer política en igualdade de condicións. Eses son os mínimos democráticos que nós recollemos na Proposta de Gernika, que se abriu a moitos sectores da poboación e que vai desde o PNV á maioría sindical vasca e a todo aquel demócrata que acepte eses principios mínimos. Porén, o Estado aínda segue no camiño da represión e da violación dos dereitos humanos e sociais básicos. A segunda fase sería que o Estado recoñeza o dereito a decidir do noso pobo e a terceira, ver que armadura xurídico-política lle damos a todo ese acordo básico, baseado no respecto absoluto a cada un dos pobos.

Malia esta aposta decidida da esquerda abertzale mantense a represión, os xuízos políticos…

A non legalización de Sortu é unha expresión desa represión, ao igual que a persecución das ideas políticas e do traballo político de numerosos sectores. Hai 15 días estaban xulgando a Arnaldo Otegi e a Rafa Díez en Madrid e a semana pasada xulgaban a outros 17 mozos e mozas cuxo único delito é ter feito un traballo político entre a mocidade. Polo tanto, o Estado o que ten que facer é parar a súa maquinaria represiva e respectar o dereito a facer política, o cal inclúe a legalización de Sortu e parar todos eses xuízos pantasmas que están a facer.

No acordo de Gernika faciades unha serie de emprazamentos tanto á organización ETA como aos Estados español e francés. En que medida foron atendidos?

Entendemos que a organización ETA deu pasos moi importantes. É certo que a esquerda abertzale ten que dar novos pasos e estamos convencidos de que ETA vai dar novos pasos pero neste intre a pelota esta en mans do Estado, porque non está cumprindo nin os mínimos, mentres que saben  perfectamente que a organización armada está cumprindo todo o que publicamente prometeu. O emprazamento que lle estamos facendo constantemente ao Estado é que dunha vez recoñeza que estamos ante un problema político e que a solución pasa por mecanismos exclusivamente políticos e democráticos. O estado francés hai moitos anos que entrou na órbita do Estado español. Decatouse do problema existente en Hego Euskal Herria, que levaría a outro proceso democrático en Ipar Euskal Herria e ante iso, pecha filas co Estado español.

A conformación dun polo soberanista e de esquerdas é unha aposta firme impulsada desde a esquerda abertzale. Como analiza os magníficos resultados obtidos por Bildu, a coalición entre independentes abertzales, Eusko Alkartasuna e Alternatiba?

A esquerda abertzale, baseándose nas conclusións que se recollen en Zutik Euskal Herria acordou que había que activar á sociedade e que había que facer unha grande alianza entre todos os sectores de esquerdas e todos os sectores abertzales de Euskal Herria para camiñar cara un Estado vasco. En xuño do ano pasado fixo unha declaración pública con Eusko Alkartasuna propoñendo unha estratexia de cara á consecución dun Estado vasco e establecendo uns mínimos para ir avanzando nese traballo conxunto e nese obxectivo de urdir unha sinerxia das distintas forzas que existen na sociedade vasca. A esquerda abertzale conxuntamente fixo outro acordo estratéxico con Alternatiba e aí puxéronse as bases do que se chama polo soberanista, para ir aunando o máximo de sectores populares. Bildu enténdese desde ese traballo de moitos meses de unir distintas sensibilidades e distintas forzas políticas arredor dun proxecto para camiñar cara á creación dun Estado vasco. Iso toma unha forma concreta ante unhas eleccións, pero estas non son máis que a expresión política de todo un traballo social que se fixo durante moitos meses.

Que prioridades credes necesarias e que poderían ser desenvolvidas agora no traballo institucional de Bildu?

Primeiro temos que impulsar un proceso democrático para que toda a cidadanía de Euskal Herria poida facer política en total liberdade. Temos unha Euskal Herria sen personalidade propia, sen institucións propias, sen mecanismos para poder desenvolvernos como corpo social, como corpo cultural.. Entendemos que temos que unir forzas populares para recuperar a nosa identidade e, desde o respecto absoluto cos outros pobos do Estado, reivindicar o dereito a termos as nosas propias institucións e a crear o noso propio Estado para podermos crear a nosa propia economía, as nosas relacións sociais e a nosa propia cultura de maneira totalmente libre. Este pobo necesita un cambio social e político en profundidade. Estamos ante unha crise profunda. Hai unha forma de facer política totalmente dexenerada, unha chamada clase política que está supeditada aos intereses da banca, que é incapaz de levantar a voz en favor dos traballadores. Cremos que xa é hora de que haxa unha esquerda coherente e disposta a ensinar os dentes ao Estado e a dicir que hai outra forma de facer economía e de organizar o sistema económico, social e político moi diferente e, polo tanto, imos ao cambio radical, a crear outro ciclo social e político desde as institucións e desde  a loita na rúa, porque estamos convencidos de que só desde as institucións non é posíbel o cambio político, pero unindo a loita sindical, a loita popular e a de todo o pobo que queira unirse, xunto co traballo das institucións é posíbel levar a cabo ese cambio.

A esquerda abertzale menciona a Quebec, Escocia ou Groenlandia como exemplos de viabilidade do independentismo. Como afectará o papel da comunidade internacional e en concreto da UE, reticente a novos Estados?

As referencias internacionais, son simplemente referencias e non copias a seguir, porque cada pobo ten a súa propia realidade e vai facendo o seu propio camiño. Pero é evidente que a comunidade internacional está cumprindo un papel moi importante e, neste intre, en Europa e en todo o mundo temos moitos amigos e moitos colaboradores. Foi moi importante a Declaración de Bruxelas, na que distintas personalidades fixeron un emprazamento ao Estado e á organización ETA, e xa teñen unha resposta positiva. O pobo vasco viuna como unha axuda importante para desbloquear a situación e para afrontala en termos democráticos. Polo tanto a axuda europea e doutros países do mundo está sendo importante, ao igual que a axuda e colaboración con Catalunya e Galiza.

As perspectivas dun marco democrático que recoñeza a autodeterminación modificaría profundamente as estruturas do Estado. Como podería afectar ás outras nacións integradas no Estado español?

Historicamente somos nacións dentro do mesmo Estado que reivindicamos a necesidade de ser nación e ser nación diferenciada, cada un atendendo ás súas fórmulas. Nós desde a necesidade da creación dun Estado vasco. Pero é evidente que o Estado atópase nunha disxuntiva importante, e é que na transición, coa Constitución de 1978, non fixeron outra cousa que copiar o modelo de Estado franquista. Un Estado centralista onde se afoga a identidade propia das distintas nacións. Hai que pasar dun Estado único a que se respecte un Estado plurinacional e pluricultural e nós aí temos un traballo moi interesante en común para reivindicar ao Estado que nos respecte para que sexamos nós mesmos, como pobos que temos a nosa propia cultura e o noso propio idioma. Iso non significa que Catalunya, Galiza e Euskal Herria teñan que seguir o mesmo camiño ou defender a mesma forma de organización. O Estado das Autonomías foi unha tapadeira para enganar ás distintas nacións. Co café para todos, tratando de identificar a Catalunya con Estremadura, selouse un acordo falso de futuro. Tan falso que en 30 anos fai augas e á crise económica do Estado español súmaselle unha crise política en profundidade. O Estado non ten alternativa. Debe abordar unha segunda transición na que se respecten os dereitos democráticos de cada nación, a plurinacionalidade do Estado español e o dereito a decidir de cada unha das nacións que se consideren como tal. Só de maneira conxunta as nacións sen estado, que neste momento estamos sometidas ao Estado español, podemos obrigar ao Estado a que faga a súa propia transición democrática: recoñecer a realidade diversa que existe dentro das súas fronteiras e admitir que se queren facer o seu propio camiño pódeno facer Catalunya, Galiza e Euskal Herria.