|

Entrevista a Santi Alvite

Santi Alvite é representante da CIG no Comité Interempresas da CRTVG e na recén creada Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega. Nesta entrevista analiza polo miúdo o alcance dos cambios lexislativos introducidos nos nosos medios públicos e as súas consecuencias.

Que supón a reforma da Lei de Creación da CRTVG aprobada por PP e PSOE no Parlamento?

A desaparición do Ente Público Compañía de Radio-Televisión de Galicia e a integración da  Televisión de Galicia e a Radio Galega nesa Corporación única que, aínda que pública, reviste a forma de sociedade anónima. Representa, polo tanto, un paso máis na fuxida da Administración cara o dereito privado, que aumenta os ámbitos de poder dos gobernantes non suxeitos a control público e produce moitos dos males xa coñecidos como as malas contabilizacións de gastos, as irregularidades na contratación do persoal e de servizos externos, os contratos blindados, o malgasto na compra de producións alleas ou a ocultación de contratos á Intervención delegada, entre outras. Males que se utilizan agora como argumento para xustificar a privatización dos medios públicos por parte dos que, no pasado, tiveron a responsabilidade de nomear aos xestores que os deixaron na situación na que se atopan actualmente. Nesa lóxica privatizadora, a Lei permite á Corporación constituír ou participar no capital de toda clase de entidades privadas, mesmo para desenvolver actividades e funcións de servizo público. E  ademais dá soporte legal e regulariza a situación de externalización da produción de boa parte dos contidos e programas da Televisión de Galicia que xa existe na actualidade, e mesmo permite subcontratar na área de informativos a prestación de servizos non relacionados coa “definición” e “forma de divulgación” da información, o que inclúe toda a vertente técnica da produción,  indo máis alá do que permite a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.

Como afectan todas estas mudanzas ás condicións laborais dos profesionais?

As posibilidades que abre a lei á participación da Corporación en empresas privadas e á externalización da produción incide directamente na destrución de emprego público, coas consecuencias xa sabidas de menor emprego, precarización das condicións laborais e redución de salarios no sector audiovisual chamado a fornecer de contidos á Corporación CRTVG. Non por casualidade, os grupos parlamentares que aprobaron a lei negáronse a introducir unha disposición que garantira a estabilidade laboral dos empregados e empregadas con contratos temporais. O proceso selectivo que se está a desenvolver na actualidade só cobre unha pequena parte da temporalidade e deixa fóra a un bo número de traballadores e traballadoras dos medios públicos que fican en situación de precariedade e incerteza respecto da súa continuidade na empresa. O director xeral declarou en reiteradas ocasións que o cadro de persoal está inflado e que os gastos neste capítulo, son excesivos, o que permite xa entrever cales son as súas intencións ao respecto. Resulta rechamante, neste sentido, que mesmo un representante do ámbito académico, como o decano de Ciencias da Comunicación, que se supón que ten que manter un mínimo rigor nas súas afirmacións dado o seu papel como representantes dunha institución do coñecemento como a Universidade de Santiago, ouse declarar publicamente que na CRTVG sobra máis da metade do seu cadro de persoal. Como se ve, hai poderoso intereses políticos e empresariais en reducir a dimensión dos medios públicos para entregar a produción da súa programación a empresas privadas.

Garántese, nestas condicións, o seu carácter de servizo público, a promoción da nosa identidade cultural ou lingüística ou o pluralismo informativo?

Nunhas condicións así, cando a prioridade dos traballadores e traballadoras é acadar unhas condicións de traballo dignas, debilítase a preocupación polos valores profesionais e reséntese a calidade do servizo público. Un servizo que, xustamente, ten como misións fundamentais promover a identidade cultural e lingüística do noso pobo, garantir o pluralismo e a veracidade informativa e defender a cohesión social e territorial de Galiza. Neste contexto de sometemento dos medios públicos á lóxica privatizadora e á rendibilidade económica, como se vai garantir a independencia dos e das profesionais e, con ela, a obxectividade e o pluralismo informativo? Tampouco queda garantida a autonomía de selección e a capacidade para propoñer espazos e contidos que sexan froito da aplicación de criterios de carácter autónomo, non dependentes das axencias e dos grandes grupos mediáticos, públicos ou privados, con sede en Madrid; nin a configuración dun espazo de comunicación audiovisual propio que asegure a presenza das expresións e informacións que se xeran nos eidos político, económico, social e cultural do noso país, a participación cidadá e o debate democrático sobre esas expresións e contidos. Está en risco o correcto uso da lingua nas emisións e contidos dos medios públicos chamados a normalizar o uso do noso idioma e mesmo o fornecemento daqueles contidos destinados a satisfacer as necesidades e demandas dos sectores máis desfavorecidos da nosa sociedade. Resulta paradoxal, e sintomático, que a nova lei, que recoñece como un dos principios inspiradores da actividade da Corporación CRTVG a promoción e difusión da lingua galega, non recoñeza o galego como lingua oficial da CRTVG e mesmo, a través da súa disposición adicional segunda, abra a porta ao uso doutras linguas nas súas emisións.

Como se materializa a dependencia gobernamental na CRTVG?

Por medio do mandato marco, que é a ferramenta esencial para a concreción do modelo de radiotelevisión pública e o cumprimento dos obxectivos xerais da función de servizo público da Corporación. Segundo establece a lei, para aprobar o mandato marco abonda coa maioría absoluta do Parlamento galego en terceira votación, non sendo necesaria, xa que logo, a maioría reforzada. O PP asegúrase así o control último dos medios públicos. Pero hai outros aspectos da lei nada desprezábeis como é a atribución ao Consello da Xunta da competencia para aprobar as retribucións que correspondan percibir ao Director xeral e aos restantes membros do Consello de Administración, sen establecer criterios obxectivos de asignación, o que introduce un inaceptábel vínculo de dependencia dos órganos de dirección e administración da Corporación co Goberno. E por se iso fose pouco, a lei non contempla a creación do Consello Asesor. Este órgano interno de participación plural da sociedade galega en materia de programación e contidos, contribuiría a democratizar os medios públicos e a contrarrestar o poder gobernamental. Pero está claro que isto non interesa ao Partido Popular, que ten unha concepción autoritaria e contraria á participación e ao control democrático da sociedade.

O goberno de Rajoy abriu a porta á privatización dos medios públicos. Periga a supervivencia da TVG e da RG?

O PP está a facer o que xa anunciou que faría se chegaba ao goberno. Argumenta que o mantemento dos medios públicos non ten razón de ser nunha sociedade moderna e pluralista  na que a oferta audiovisual se multiplica, pero fai abstracción da posición dos grandes operadores que acaparan e concentran o mercado audiovisual e impoñen a uniformización dos contidos e a redución da pluralidade. Esta opinión vese reforzada no actual contexto de crise económica, co argumento de que as canles públicas restan recursos que se poderían dedicar a necesidade sociais máis urxentes, nomeadamente no ámbito da sanidade ou a educación. Porén, obvian os duros recortes que están a aplicar neses servizos públicos esenciais, ao tempo que non cuestionan as inxentes cantidades de recursos públicos que destinan á banca, ás grandes empresas, á igrexa, á monarquía ou a gastos militares. O que sucede é que o recurso a este tipo de argumentos esconde en realidade intereses políticos e empresariais destinados a favorecer as canles privadas e de pago, que buscan asegurarse o beneficio económico a costa da calidade do servizo público e das condicións laboráis e económicas dos traballadores e traballadoras do sector audiovisual. Neste contexto xeral de ofensiva neoliberal tendente a desmantelar os servizos públicos, é obvio que periga a supervivencia da radio e a televisión públicas de Galiza.

Creouse por iso a Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión publica de Galiza?

Por iso, si. Mais tamén porque a radio e a televisión públicas de Galiza non teñen razón de ser se non están ao servizo das necesidades democráticas, sociais e culturais do pobo galego. Non é sostíbel unha radio e unha televisión públicas ao servizo dos intereses do partido no goberno, cuxa dirección está máis preocupada en ocultar o conflito social que en fornecer ao pobo galego da información veraz, plural, neutral, independente e de calidade á que ten dereito. O pobo galego xa non atura a utilización partidaria dos medios públicos e a reiterada manipulación e ocultación informativa, que foi especialmente evidente en situacións de gran transcendencia social, como no caso do enterramento ilegal de 300 vacas tolas, nunha canteira en Mesía; a información sobre a deriva e posterior naufraxio do Prestige, coa ocultación das graves consecuencias das sucesivas mareas negras e da masiva mobilización social que se xenerou en protesta pola xestión da catástrofe; o alcance das mobilizacións en contra do mal chamado decreto do plurilingüismo ou, máis recentemente, o seguimento da convocatoria de folga xeral do pasado 29 de marzo e as multitudinarias manifestacións que durante esa xornada percorreron as rúas das cidades e vilas de Galiza. Isto acaba por transformarse en indignación social, chegando mesmo a culminar en expresións como a manifestada o pasado 30 de marzo, cando máis dun cento de persoas afectadas pola chamada “estafa das participacións preferentes” ocuparon as instalacións da CRTVG en San Marcos para denunciar a ocultación do conflito que lles afecta dende ese medio público.