|

PEMEX, realidade ou ficción?

PEMEX, unha compañía mexicana con 51% de capital público vinculada á extracción petrolífera, estase a converter nestes últimos meses na coartada, na grande desculpa do señor Feijóo e o seu goberno con respecto ao claro abandono á súa sorte do noso sector naval. Todo para ocultar que dez meses de goberno estatal do PP foron dez meses de tempo perdido, dez meses de incumprir prazo tras prazo anunciado (xaneiro, finais de abril, etc.) para resolver o problema do tax lease e do financiamento, ante o absoluto silencio e pasividade da Xunta.

Nestes intres, e sen poder xustificar a súa inoperancia, xorden os acordos con PEMEX en maio, unha cortina de fume baseada nos famosos contratos por 14 remolcadores dos cales ninguén sabe nada, pero publicitados a bombo e platillo como a presunta recuperación do sector naval galego.

O conto daquela funcionou, e agora, curiosamente poucos días despois de anunciar o adianto electoral, novamente aparece un novo “contrato” dun barco flotel para Navantia e outro para Barreras. Á marxe de que se levasen a cabo ou non finalmente (o cal non está nin moito menos garantido), vólvese mentir de xeito descarado: PEMEX non é a solución da crise do sector naval, pois dous floteis non son 3000 postos de traballo, como sabe calquera persoa minimamente informada sobre a realidade do sector. Feijóo tamén o sabe, o cal non impide que xogue coa desesperación de miles de traballadores e as súas familias só por interese electoral. A única realidade hoxe en dia é que o sector naval non traballa porque o goberno non quere, e a proba son os centros de contratacións nos estaleiros do resto de Europa, buques nos que son especialistas os nosos estaleiros.

Estamos, pois, ante unha venda en toda regra do noso sector naval a Europa, como pasou con outros sectores produtivos no seu momento. Só iso pode explicar a absoluta parálise do goberno central e o da Xunta, permitindo a competencia desleal na Unión Europea mentres que aquí levamos xa cerca de 15 meses sen bonificación fiscal (tax lease), cun sector condenado polo PP á súa desaparición.

César Rodríguez é responsábel nacional do Naval na CIG-Metal