|

A voltas coa censura

Miles de persoas sumáronse en Vigo á manifestación convocada pola CIG o xoves 4 de outubro. Miles de persoas que se mobilizaron para denunciar as políticas de recorte do PP e as súas consecuencias e para alertar do perigo de que esta organización política poida volver a gobernar con maioría absoluta.

Esta masiva mobilización debería merecer non só cobertura senón tamén relevancia, por si soa, para calquera medio de comunicación . Aínda máis cando, ao tempo que saían esas miles de persoas en Vigo, outras miles máis percorrían as rúas do resto das cidades de Galiza e outras pequenas vilas.

Porén, non o consideraron así xornais como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia (si aparece algunha foto raquítica, cun pé nalgunha das súas edicións, non no caso de Vigo ou de Compostela onde non apareceu sequera reseñada). Tampouco o xornal El País, cunha minguada redacción e apenas dúas páxinas dedicadas a Galiza considerou relevante esta información. No caso deste xornal cómpre ter en conta, en todo caso, a hora de peche de edición, algo que non podía ser condicionante este xoves, porque si deron cobertura aos actos de inicio de campaña, ás 00:00 horas do día 5 de outubro.

Non é a primeira vez que isto ocorre, nin será a última. La Voz e Faro son medios privados que atenden, primeiro, aos seus intereses económicos e, segundo, á súa liña editorial. Esta última sempre modulábel en aras a garantir o seu fin principal: a consecución de beneficios.

A actuación destes medios de comunicación evidencia o débil estado democrático no que vivimos, a absoluta falta de respecto polo pluralismo e a aversión que senten polo nacionalismo en todas as súas formas e manifestacións.

Resulta rechamante que oculten a mantenta estas mobilizacións e que, porén, dean ampla cobertura aos actos do 25S en Madrid. Non nego a súa relevancia, que a ten. O que afirmo é que unha mobilización en Madrid ten para medios de comunicación galegos máis importancia que unha mobilización alí onde se publican.

A situación é realmente alarmante. Máis se, facendo un cálculo rápido en función do número de habitantes, temos en conta que unha mobilización de 20.000 persoas en Madrid representa o 0,6% da súa poboación e que unha manifestación de 15.000 en Vigo, supón que saíu á rúa o 5%.

Non é casual que estes medios actúan así. O 25S ou o 15M, son un sumatorio de persoas, coas súas inquedanzas, as súas preocupacións e a súa indignación. Unhas de esquerda e outras de dereitas. Pero non organizadas ou con capacidade para manter de forma continuada a mobilización ou as súas reclamacións. Porén a CIG si. E iso é interpretado como un perigo, tanto para as súas liñas editoriais, como para quen os financia. Por iso a CIG é atacábel ou censurábel.

Liberdade de prensa

O artigo 20 da Constitución recolle varios dereitos fundamentais que son sistematicamente vulnerados: a expresar e difundir libremente pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito, ou calquera outro medio de reprodución; o dereito a comunicar e o dereito a recibir información veraz por calquera medio de difusión.

Xunto a isto, ese mesmo artigo recoñece a liberdade de prensa como un dereito dos medios de comunicación privados a ter a liña editorial que os seus propietarios decidan. Pero se é así, non deberían intentar agochalo, senón aclaralo para que todas as súas lectoras e lectores saibamos que contidos imos atopar nas súas páxinas, a quen van favorecer, a quen van censurar e por que.

Lamentabelmente sabemos tamén do poder de persuasión que teñen as subvencións públicas, que pagamos entre todas e todos, a estes medios de comunicación. Subvencións que condicionan os seus contidos, no caso de La Voz de Galiza, até o esperpento informativo.

Poderán alegar que manteñen a súa liña editorial, pero a consecuencia desta situación é que o conxunto da poboación ten negado o seu dereito a recibir unha información veraz e plural.

Recuperar a CRTVG

O artigo 20 da Constitución tamén consagra o dereito de acceso aos grupos sociais e políticos significativos nos medios públicos, coa fin de preservar o pluralismo. Dáse a casualidade de que a CIG ten recoñecida a condición de sindicato representativo, o que non obsta para que a CRTVG censure, manipule ou minimice á central sindical sempre que os intereses do goberno así o requiran

A televisión pública galega si falou das manifestacións da CIG. Para calquera persoa interesada, a información aparece baixo o epígrafe “Ana Pontón participa nunha manifestación da CIG nun dos últimos actos de precampaña”. Case nada.

A televisión pública galega, nun alarde de manipulación informativa, considera a manifestación da CIG un acto de precampaña do BNG!

Obviamente, esta é a imaxe que interesa ofrecer ao Partido Popular e, xa que logo, a imaxe que submisamente ofrece a dirección do ente ás galegas e aos galegos, que aínda agardamos que nos conte algo do que ocorre con Pemex ou que alén dos múltiples sucesos co que nos deleita todos os días, sexa quen de retratar, sequera nun mínimo, o país no que emite.

A falta de medios privados, é esencial recuperar os medios públicos e, sobre todo, facer preservar aquilo que xustifica a súa existencia: información plural, do país e para o país, coas galegas e galegos como protagonistas e, obviamente, na nosa lingua. O información que fai hoxe a CRTVG é, simplemente, intolerábel.

Paula Castro é xornalista