|

Avaliación do MGS dos resultados eleitorais do 21 de outubro

O Movemento Galego ao Socialismo vén de analizar os recentes resultados electorais e o marco político decorrente, elaborando unhas conclusións que facemos públicas a continuación. Na era da velocidade e a comunicación instantánea, optamos por elaboralas de forma reflexionada e pausada, non inmediata nin apresurada, coa intención de poder escoitar as primeiras observacións, suxestións e propostas do conxunto da nosa militancia, da nosa base social e das compañeiras e compañeiros do Bloque Nacionalista Galego, que tomamos en atenta consideración. As teses que aquí expomos tampouco pretenden perfilar unha postura completamente pechada e estática, senón contribuir e inserirse de forma dinámica no debate aberto dentro do nacionalismo e a esquerda para dotármonos de mellores ferramentas para a defensa da nosa nación e da nosa clase, con vocación crítica, autocrítica e construtiva.

O BNG, que desempeña un papel crucial no proceso de liberación nacional e transformación social, padece desde hai anos unha crise profunda de manifestacións e expresións complexas. Esta crise ten a súa confirmación no continuo devalo electoral, que chegou ao seu clímax neste último proceso, no que o BNG foi a cuarta forza política en apoio nas urnas. Debemos advertir aquí, contra interpretacións recorrentes, que o resultado electoral non é nen poderá ser nunca o único criterio de avaliación do papel do BNG na sociedade galega, se ben si revela moitas das falencias desta actuación.

Na patente perda de influencia electoral da fronte patriótica pesan factores de diversa natureza, recentes e antigos, coxunturais e estruturais, de carácter interno e externo, que actuaron de forma complexa e con diversida intensidade, entre os que salientamos os seguintes:

- Vivimos unha crise de profundas consecuencias en todos os ámbitos, que demostra a incapacidade do sistema capitalista para garantir unha vida digna. Día tras día asistimos á destrución progresiva de conquistas políticas e sociais, e xa se vislumbran novas guerras de expolio e rapiña, baixo a ameaza dun colapso global sen precedentes. Sen embargo, non contamos aínda cunha fronte combativa, unida e ben estruturada á altura das circunstancias, capaz de aproveitar estes factores obxetivos para crear conciencia nacional e de esquerdas, impulsando e estruturando a crecente onda de descontentamento e mobilización popular. A perda de apoios de PP e PSOE, cuantitativamente relevante, particularmente no segundo caso, non é suficiente para erosionar a hexemonía das forzas neoliberais e españolas, e garántenos un novo período de políticas de dereita e centralizadoras, que con toda probabilidade agravarán as consecuencias da crise e a situación da clase traballadora galega.

- Constatamos tamén o avanzo do proceso de españolización da Galiza, nomeadamente na mocidade, e as consecuentes dificultades para por en valor unha alternativa soberanista como elemento de afirmación electoral, en aberto contraste co que acontece no contexto político e social doutras nacións tamén integradas á forza no mesmo Estado. Neste campo tampouco contamos coas suficientes alternativas sociais que exerzan de contrapeso en campos do máis diverso, como a cultura, a comunicación, o ensino ou o deporte.

- Padecemos aínda os múltiplos efectos, non superados en termos de opinión pública, do balanzo do goberno bipartito 2005-2009 e en xeral do proceso de desnaturalización da fronte e a crecente percepción de homologación cos partidos sistémicos, en especial na subalternidade a respecto do PSOE. Constatamos unha preocupante perda de credibilidade da fronte, unha cualidade moito máis difícil de recuperar que de perder, e a persistencia de métodos de traballo e comunicación ineficaces para popularizar a nosa liña política máis alá do consignismo.

- A fronte soportou unha campaña mediática, sistemática e persistente, de deturpamento das súas posicións e propostas, que ten como efecto o alargamento dos preconceptos e desconfianzas. Se ben estes esforzos de desfiguración non son novos nen circunstanciais -e acompañarán sempre a calquera proxecto que representar unha alternativa ao sistema- a súa influencia avanza consonte o grao de mediatización da sociedade. Ademais, neste proceso electoral engadiuse un elemento novo: a amplificación das mensaxes dunha nova opción (Alternativa Galega de Esquerdas) que partía do ámbito extraparlamentar, mais que logrou apoderarse de boa parte da bagaxe simbólica do BNG como opción antisistémica. Se ben hoxe existen canles alternativas de información de carácter alternativo e non empresarial, ligadas ás novas tecnoloxías, o seu alcance é aínda mínimo e non foron ben aproveitadas.

- En relación con esta situación, temos que sinalar unha tendencia dos últimos anos nas mensaxes transmitidas sobre a opinión pública, a extensión dunha visión xeralista da actuación de “todos os partidos”. Sen esquecer nunca a parte de responsabilidade que ten a fronte ao xerar incoherencias e ambigüidades que facilitaron este discurso, esta mensaxe ten como obxetivo garantir a continuidade do statu quo e neutralizar as opcións transformadoras. Neste contexto, AGE convertiu esta disposición social nunha das súas principais fortalezas, ao aparecer co marchamo de forza nova e allea ás que contaban con representación institucional, e así presentarse como a canalización máis adecuada deste descontentamento xeralizador.

- De forma análoga e relacionada con esta inclinación, tamén se rexistran un conxunto de mudanzas na relación do pobo coa política e coas mesmas ideas de organización estable ou das capacidades de realizar actuacións sustantivas desde os poderes públicos.

 - Xa de xeito concreto, neste último proceso electoral pagamos o impacto social, convenientemente magnificado, das rupturas do BNG e da exteriorización dun clima interno moi deteriorado. Primeiro o combate polos postos de dirección en Amio, e posteriormente a escisión, amplificada polos medios e habilmente escalonada, eclipsaron por completo o debate de ideas, o carácter democrático das decisións adoptadas pola maioría da organización, o alcance das resolucións aprobadas e mesmo o facto de que a maior parte da militancia optase por continuar a súa actividade política na fronte.

 - O BNG non foi capaz de exteriorizar a mudanza de liña política aprobada en Amio. É certo que a convocatoria electoral foi demasiado prematura para a maduración do camiño alí encetado, máis non aprofundamos suficientemente nel. Tampouco mudaron significativamente os rostros máis públicos, nin se deu unha mudanza cualitativa dos métodos de traballo, o que creou unha certa imaxe de continuísmo e restou veracidade á viraxe emprendida.

- O Bloque ten moitas fraquezas na intervención social, agravadas pola tendencia a empregar a maior parte das enerxías no ámbito institucional. Ademáis, temos dificuldades para convertir en apoio electoral a adesión que moitas das nosas propostas -a defensa dos servizos públicos, a oposición aos recortes, a defensa dos dereitos laborais e os salarios, a reclamación de máis e mellores mecanismos de participación democrática, entre outras- suscitan no plano social. En moitos casos non priorizamos a relación social e ficamos apreixados pola gramática da política institucional limitada á actuación burocratizada, á participación pasiva dos votantes nas citas electorais, a correción política e a transmisión polos medios de iniciativas previamente condenadas pola aritmética parlamentaria.

- Non fomos capaces de por en valor o traballo real realizado durante catro anos e as diferentes propostas políticas presentadas polo BNG, como organización e mesmo desde o grupo parlamentar. Toda esta actividade ficou escurecida en favor de criterios de voto máis emocionais e vinculados á imaxe, real ou non, de contestación frontal ao poder. Tampouco  contamos con ferramentas suficientes para transmitir unha mensaxe que progresivamente vai tornando máis coherente. Non obstante, non rematamos de nos liberar de imprecisións que permanecen no noso discurso, nomeadamente no que atinxe ao soberanismo, formalmente vixente, mais de concreción aínda dubidosa.

- A nosa credibilidade viuse lastrada tamén polas numerosas eivas aínda existentes no traballo institucional, e a ausencia de homoxeneidade en liñas políticas fundamentais, particularmente a nível municipal, mesmo co esvaímento, nalgúns casos, dos trazos máis distintivos do noso proxecto (servizos en mans de empresas privadas, asistencia a actos de simbolismo imperialista ou relixioso, etc).

- Todos estes factores xa sinalados influiron, con diverso peso, no distanciamento coa mocidade, se ben este sector social merece un breve apontamento específico. Aínda que desde o BNG se aposta polas estruturas propias para a mocidade, pesaron máis as dinámicas burocratizadoras e o dirixismo que a propia iniciativa coletiva da autoorganización xuvenil, o que lastrou moitas posibilidades de intervención social. En contra do desexábel, o movemento xuvenil nacionalista non acadou a incidencia social mínima que cabería esperar, debido fundamentalmente á persistencia da hostilidade cara o traballo unitario.

- Finalmente, tamén percibimos, nas proximidades da xornada de votación e nos días posteriores, o fondo desánimo existente en sectores do electorado do BNG polo prolongado devalo eleitoral, e a súa correspondente falta de confianza na capacidade de iniciar un ciclo ascendente e diferente.

En nengún caso podemos tolerar que se escondan as dificultades que enfrontamos con desculpas nos factores externos ou con respostas resignadas ou rotineiras, nen ficar en esquematismos sobre a forma de intervir socialmente ou de participar na comunicación social. Tampouco podemos caer no erro de acreditar que existe unha panacea, unha fórmula simple e de aplicación inmediata, que poida resolver problemas desta complexidade. Noutro sentido, non deberiamos tampouco esquecer ou minimizar o patrimonio coletivo que representa o frontismo nacionalista, nen minusvalorar a importancia de sermos a única forza política que non ocultou ou renunciou á cuestión da liberación nacional, nen ignorar as capacidades, o compromiso e as fortalezas da militancia organizada a día de hoxe no BNG.

Tendo en conta todas estas cuestións, entendemos que non é posíbel confiar nunha simple aplicación paulatina da liña política de Amio. O BNG precisa dun proceso de maior profundidade e amplitude, unha auténtica catarse no sentido terapéutico: unha exteriorización verbal e emocional de traumatismos reprimidos que vise a desaparición total dos síntomas e finalmente da doenza que nos afecta, desembocando nunha reconstitución do nacionalismo de esquerdas no noso país. Non é a nosa intención pechar todos os elementos que deben entrar neste proceso, senón ao contrario: entendemos que debe ser completamente aberto, dentro dos lindes do nacionalismo e da esquerda, e que deben revisarse todas as cuestións de interese e preocupación da militancia e da nosa base social. Non obstante, si afirmamos que ten de partir de tres premisas previas:

1. Debe ser extremadamente participativo, non só involucrando ao conxunto da militancia do BNG, senón tamén dialogando coa nosa base social. Non pode darse un debate rotineiro e ritual, e non pode cinguirse a pugna de diversas candidaturas por conformar unha nova dirección. Se ben é certo que o encadeamento de iniciativas, debates e encontros -con especial protagonismo do ámbito comarcal- rematará necesariamente no máximo órgao de decisión, a Asemblea Nacional, a súa extensión no tempo pode ser máis ampla que o dunha convocatoria asemblear convencional.

2. Ten que ter unha traslación externa intensa, particularmente nos momentos finais, que logre divulgar a identidade real, o programa, as análises e as alternativas concretas do proxecto político nacionalista e de esquerdas que encarnamos. Como é evidente, non podemos contar cos medios de comunicación convencionais, polo que temos que idear unha iniciativa propia máis ambiciosa, que mellore con moito os instrumentos que empregamos habitualmente.

3. Non ten que estar pactado entre as forzas organizadas dentro do BNG, xa que iso suporía restar moita vivacidade e dificultar a participación dunha militancia independente que xa se sinte en moitos casos desprazada das decisións reais, por culpa dunha aplicación deturpada do frontismo e dalgúns hábitos sectaristas. Mais si que ten que existir un grao alto de consenso sobre as condicións de realización, obxetivos a atinxir, e particularmente sobre a forma en que se vehicula cara ao exterior todo o proceso, co compromiso expreso de centrar o debate no conxunto da militancia, desde a boa vontade de todas as partes e sen volver caer na ratoeira mediática.

Pola nosa parte, comprometémonos a nos implicar activamente neste proceso desde o primeiro momento, en diálogo permanente coas compañeiras e compañeiros do BNG, e co conxunto da nosa base social. Participaremos desde a franqueza e a convicción nas nosas posicións, mais abertos a unir os nosos esforzos para tecermos o instrumento axeitado para gañar a liberdade.

En Compostela, a 21 de novembro de 2012

Mesa Nacional do Movemento Galego ao Socialismo.