|

Entrevista a David Fernàndez, cabeza de lista da Candidatura d’Unitat Popular nas eleccións ao parlamento catalán

O próximo domingo 25 de novembro terán lugar as eleccións ao Parlamento de Cataluña. Unha convocatoria electoral de especial trascendencia polo momento político en que ten lugar, en medio dunha onda soberanista e independentista que semella imparábel e que CiU tenta aproveitar no seu favor, e tamén nos momentos máis duros dunha crise económica e social que segue a ser usada cada vez de xeito máis evidente como escusa para o roubo de dereitos e recursos ás clases populares. Neste escenario de incertezas e de oportunidades aparece como alternativa electoral a Candidatura d’Unitat Popular – Alternativa d’Esquerres, unha opción política forxada na loita popular e os movementos sociais, con unha importante bagaxe de traballo municipal e que, declarándose herdeira da esquerda independentista histórica, pretende irromper no Parlamento con unha mensaxe rebelde e sen complexos que impugna o sistema de raiz, defendendo a complementariedade da liberación nacional e a liberación social.

A entrevista que reproducimos a continuación traducida para o galego foi feita por un medio dixital catalán antes do comezo da campaña, o día seguinte a que a CUP-AE tomase a decisión de acudir á convocatoria electoral. Nela, o seu candidato nº1 por Barcelona, o independente David Fernàndez, debulla algunhas das motivacións, obxectivos e propostas da CUP. Pensamos que, nun momento como este en que o nacionalismo galego está inmerso nun fondo debate sobre cales deben ser daquí en diante as súas liñas de acción política, é mais interesante que nunca achegar á realidade galega experiencias positivas e emerxentes da esquerda de outras nacións sen Estado:

David Fernàndez: ‘Somos un proxecto de ruptura democrática para os Países Cataláns’

A Candidatura d’Unitat Popular (CUP) decidiu finalmente presentarse ás eleccións do 25 de novembro ao Parlamento de Cataluña, baixo o nome de CUP-Alternativa d’Esquerres para incluir membros independentes, nunha asemblea extraordinária onte en Molins de Rei. Encabezará a lista por Barcelona un independente, o xornalista David Fernàndez, con quen quixemos conversar para saber cales son as propostas da CUP e que os fixo decantarse por ir ao parlamento.

 –Con que obxectivo vos presentades ás eleccións ao Parlamento?

–Coa clara vontade de que a voz das clases populares catalás irrompan para desobedecer o medo, desafiar o réxime e reconstruír a esperanza. É o que máis necesitamos. Nin oasis nin espellismos, neste país non hai normalidade política: non a haberá mentres haxa 3 millóns de pobres nos Países Cataláns, 1,3 millóns de desempregadas e desempregados e 80.000 persoas desafiuzadas. E Millet, Camps e Matas na rúa. E mentres un tribunal constitucional valla máis que a vontade de todo un pobo. E mentres algúns confundan deliberadamente o goberno cun consello de administración.

 –E cal é entón o proxecto?

–Imos, abertamente, baixo as formulacións da unidade popular de reminiscencia chilena pero pasada pola historia do movemento popular deste país, cun proxecto de ruptura democrática para os Países Cataláns e a radicalización da democracia para un novo tempo dos comúns. A realidade, por desgraza, é hoxe a mellor aliada da CUP: desigualdades sociais, secuestro da soberanía polos mercados e golpes de estado financeiros. En síntese, é un intento común e comunitario por levar a voz dos sen voz, dos subalternos e das precarias. E como diría Raimon: “Si només els rics estudien, només els rics sabran, ens enganyaran amb qualsevol cosa: unes mamelles en cromo, uns culs fotografiats, quatre paraules solemnes i un futbol manipulat” [1]. Para devolverlle a Felip Puig o seu “acabouse a impunidade”’. Que se comece a acabar a súa. Un anaco da rúa, da realidade da rúa, ao Parlamento. E non para aplaudilos. Imos para dicir que se acabou o tempo das escusas: que se este pobo non ten xustiza, o goberno que saia do 25 de novembro dificilmente terá paz mentres non a teñan as clases populares.

 –Que mudou para tomardes a decisión de presentarvos desta vez?

–Acelerouse o tempo político, adiantáronse as eleccións e arrastramos cinco anos de crise social profunda, cunha Generalitat tecnicamente rescatada polos homes de negro, que nos está a arrebatar dereitos sociais fundamentais conseguidos despois de moitísimos anos de loita social, na fin da enésima transición anunciada que pode acabar como as outras. En todo caso, a decisión tomouna a militancia, de xeito asemblear, en base á leitura do novo escenario político e á necesidade acumulada de encarar os peores recortes antisociais desde o final da ditadura. A realidade xa a coñecemos. Agora é hora do cambio de modelo, de comezar a construír alternativas que xa existen, de denunciar tanto como podamos os que malvenden o país. De dicir que é a hora de construír. De berrar que nos merecemos construir comunidades en liberdade e con xustiza. De autodeterminarnos porque é a hora da xente.

 -Que vos diferencia das outras opcións independentistas?

-A territorialidade, para comezar: os Países Cataláns. De Salses a Guardamar, de l’Hospitalet a Burjassot e de Fraga a Maó. A inseparabilidade da liberación nacional e a liberación social: a unha sen a outra non nos serve. A profundidade dos cambios sociais que queremos: do feminismo ao ecoloxismo, ao antimilitarismo e o sindicalismo. E por suposto: as formas de facer política radicalmente democráticas e éticas, porque a CUP tamén é unha emenda xeral á xestión das elites, á feira do pesebre e á manía de que feitos e palabras nunca concorden. E unha aposta aberta pola repolitización, por que volva a política entendida como acción colectiva para mellorar as condicións de vida e traballo da xente.

 –Por que non optades por sumar en pro da unidade?

–A esquerda independentista hai 40 anos que ten présa e os movementos sociais quéreno todo. Si, querémolo todo e non renunciamos a nada: a máxima liberdade política para os Países Cataláns e as máximas cuotas de xustiza social que sexamos capaces de acadar e construír. Do resto, como candidato independente, non seguín o proceso con todo detalle pero si que penso que hoxe a unidade, as unidades plurais, fórxanse na rúa e na realidade, non nos despachos. A CUP fai coalicións consolidadas e cómplices cada día. Na rúa, desde abaixo e con todos os sectores sociais -sanidade, educación, movementos sociais- en loita e que se opoñen a tanta fraude con carácter de estafa. E quen coñeza a CUP como actor político emerxente saberá que forxou un espazo propio, con cultura política alternativa e solidaria, porque ningunha das esquerdas sociais a convencía: nin o discurso nin menos ainda a práctica. Non estamos pola utopía senón por recuperar a voz propia. Estamos pola eu-topía que diría Pere Casaldàlgia: o si-lugar onde cabemos todas e todos.

 –Que resultados pensades que podedes obter?

–Na medida en que nos presentamos a vontade é chegar. E chegar será dispor dunha ferramenta máis das que disporán as loitas sociais. Para nós, o cambio político e social actívase sobre todo, se non unicamente, desde a rúa, desde as nosas vidas cotiás e desde os barrios, vilas e concellos. Temos as esperanzas depositadas neste pobo, non no Parlamento.

 –Pero contades con acadar representación?

–Electoralmente, os resultados das municipais de 2011 da CUP e o municipalismo alternativo -80.000 votos- e as protestas indignadas contra os recortes si que permiten ser prudentes e á vez albiscar posibilidades. É a conxunción do ciclo soberanista e o da indignación la que deixa abertas as portas a que a opción da unidade popular e a vertebración dos Países Cataláns chegue ao Parlamento. Non temos ningunha variña máxica: só pensamos que desta crise ou saímos todos ou non saímos. Quen confía somos nós na capacidade da xente de construír altenrativas, xerar resistencias políticas ás fraudes dos nosos días e recuperar o vínculo social. De sair do estado de choque neoliberal ao que nos queren someter.

–Tedes presente que necesitades avalar a candidatura cunhas cinco mil sinaturas?

–Este precepto legal é unha evidencia, outra máis aínda, das limitacións á democracia e a participación coa que sempre se enchen a boca. Conseguiranse, non teño ningunha dúbida. Sobre todo, porque estamos tentando volver tecer a esperanza -o que máis costa construír e o máis fácil de destruír- e nesta aposta hai xa implicadas miles de persoas. [Finalmente, a CUP recolleu máis de 27.000 avais]

–Que faredes cos salarios dos deputados?

–A CUP ten unha política clara e unha práctica explícita: é esmagadoramente non retribuída e as persoas retribuídas teñen un tope máximo, que nunca pode superar o 2,5 do salario mínimo. No Parlamento seguirase con este protocolo pero aínda non está concretado en que dimensión.

–Como faredes a campaña? Con que recursos?

–Como xa pasou nas municipais, co esforzo colectivo, desde a rúa, coa implicación de centos de persoas e co boca a boca duns Países Cataláns que sempre quixeron borrar do mapa e que o movemento popular mantivo en pé a golpe de desobediencias.

E con Pere Quart, por suposto:
“L’aire és confús, estantís
d’una pau corrompuda, d’una pau corruptora
tan injusta, fundada en la por
d’un ordre incivil
que ens esprem a profit
dels Altíssims Senyors que la imposen” [2].

E con Ovidi [Montllor], claro:
“Perquè si encara dura la vida dura, de part dels bons, fins a la mort” [3]

 –Que pensades da evolución de Artur Mas e da aceleración do proceso?

–Persoalmente e á luz da historia, escéptico e alarmado. Escéptico porque a memoria é o antídoto. Cómpre lembrar quen encumbrou a Aznar? Quen asinou o pacto do Majestic? Quen cepillou o estatuto con Zapatero antes que Guerra? E alarmado porque Mas, Boi, Ruiz ou Felip Puig non diferen en nada, tecnicamente, de Rajoy, Luis de Guindos ou Fernández Díaz: son xestores neoliberais da mesma crise. Antonte Mas dixo que a súa “estrutura de estado” non cambiaría en nada. E nós apostamos pola plena independencia e a soberanía popular, pola transformación profunda e a superación das fondas desigualdades que definen a estrutura social dos Países Cataláns. As palabras de Salvador Seguí, pronunciadas en 1919 no Ateneo de Madrid, son dunha metáfora demasiado vixente: ‘En cambio, nós, os traballadores, como cunha Cataluña independente non perderíamos nada, ao contrario, gañaríamos moito, a independencia da nosa terra non nos dá medo. Estade seguros, amigos madrileños que me escoitades, que se algún día se falase seriamente de independizar Cataluña do estado español, os primeiros e pode ser que os únicos que se oporían á liberdade nacional de Cataluña serían os capitalistas da liga rexionalista e do Fomento del Trabajo Nacional”

–Pero non vedes unha evolución positiva no eido da liberdade nacional?

–Na defensa acérrima da liberdade política deste pobo, a esquerda independentista non ten que demostrar nada: décadas deixando a pel. Estamos e estaremos aí. Pero Mas fala de Massachusets e Puerto Rico e visita as embaixadas norteamericana e alemá. Nós ollamos para Islandia, aliñámonos coas maiorias empobrecidas do planeta –empobrecidas por multinacionais como Repsol– e falamos da Europa dos pobos libres nun mundo que invirta a terríbel desigualdade norte-sul e o insulto da pobreza cotiá. Este é o dificilísimo reto, sabémolo, de construír, en pleno século XXI e coas derrotas acumuladas desde Antígona, unha alternativa democrática e popular onde por fin chegue a grande descoñecida: a democracia social e económica. Fronte a este capitalismo senil que está facendo do mundo un lugar cada vez máis inxusto e desigual.

Fonte: http://www.vilaweb.cat/noticia/4047089/20121014/david-fernandez-som-projecte-ruptura-democratica-paisos-catalans.html

[1]  “Se só os ricos estudan, só os ricos saberán, enganarannos con calquer cousa: uns peitos en cromo, uns cus fotografados, catro palabras solemnes e un fútbol manipulado”.

[2] “O aire é confuso, viciado / dunha paz corrompida, dunha paz corruptora / tan inxusta, fundada no medo / dunha orde incivil / que nos expreme en proveito / dos Altísimos Señores que a impoñen”

 [3] “Porque se mesmo dura a vida dura, de parte dos bos, até a morte”