|

Catalunya: avanzo soberanista e freazo do neoliberalismo

O proceso independentista catalán continúa a súa marcha tras as eleccións celebradas no Principat neste domingo, se ben nun contexto político cualitativamente diferente. A dereita nacionalista de CiU, empurrada pola presión social soberanista, plantexara a cita como un plebiscito sobre o dereito de autodeterminación e a realización dunha consulta. A federación tentou abandeirar por primeira vez un discurso que avogaba pola constitución dun Estado propio, despois de décadas nas que exerceu de paladín da xestión autonómica, a maior parte do tempo desde a presidencia da Generalitat. De feito Artur Mas xustificou o adianto electoral pola necesidade de acadar unha maioría cualificada que garantise o éxito dunha iniciativa desta envergadura.

Non obstante, no resultado electoral pesaron tamén outros factores, nomeadamente a política neoliberal do goberno autonómico, parella da exercida desde Madrid e Bruxelas, e polo tanto centrada nos recortes, o deterioro de dereitos laborais e sociais ou a xestión represiva dos conflictos sociais. Estas cuestións parecen ser a principal causa da perda de doce escanos de CiU, un retroceso electoral que implica que non serán os únicos responsábeis da dirección do proceso. A segunda grande noticia da xornada foi o ascenso de forzas que defenden a independencia sen deixar de se opoñer ás políticas neoliberais de CiU, como Esquerra -se ben cada vez máis situada no reformismo socialdemócrata- e a forte entrada da Candidatura d’Unitat Popular, cunha mensaxe abertamente anticapitalista, oposta ás estruturas oligárquicas da Unión Europea e integradora de todos os territorios dos Países Cataláns e que non concibe a liberación nacional sen a transformación social.

Se ben Mas non logrou o seu obxetivo principal de capitalizar o seu xiro nacional, si medraron en número de votos, escanos e porcentaxe total as forzas que nos seus programas se comprometeran a impulsar a consulta nesta mesma lexislatura (CiU 50, ERC 21, Iniciativa per Catalunya 13 e a CUP 3). O máis relevante non é o aparentemente lixeiro aumento en representación, senón o feito de que os 62 escanos de CiU da anterior lexislatura encarnaban un programa de mera xestión, mentres agora están obrigados a impulsar a consulta autodeterminista.

Dado que estas forzas difiren notabelmente no modelo social e económico, o futuro estará sometido a tensións e contradicións inevitábeis. No entanto, representan unha maioría ampla en defensa do dereito dos e das catalás a decidir o seu futuro, fronte ao inmobilismo do unionismo representado por Ciutadans (9), PP (19) e o PSC (20) -coas súas inverosímeis propostas federalistas-. En número de votos a diferencia é tamén inmensa, con 2.093.709 apoios para as forzas partidarias da consulta con representación parlamentar, fronte a uns 1.269.455 das forzas declaradamente españolistas.

Afortunadamente, a maioría social catalá deu pasos moi importantes nas últimas datas, nas rúas e nas urnas, que inviabilizan un cambio de status político hexemonizado en solitario pola dereita nacionalista. Non obstante, o pobo traballador catalán ten agora un inmenso reto por diante: avanzar na dirección independentista -que cada vez conta con maior respaldo popular mais que en ningún caso ten o éxito garantido- sen renunciar á consecución da emancipación social e dunha auténtica democracia.