|

Pase o que pase

A campaña contra a represión que está levando a cabo a CIG nos últimos días tivo aspectos moi positivos. O obxectivo principal da campaña é utilizar a incidencia mediática do noso caso e dunha acción destas características para denunciar o nivel de represión existente no estado espanhol na actualidade.

Non se trata de encher folhas de sinaturas “a lo loco”, convocar concentracións ou de crear mártires pola causa. O fundamental neste caso é poder explicarlle á xente a pé de rúa o que está pasando na sociedade actual. Existe unha cantidade inxente de persoas que pensa que despois de 40 anos de ditadura o estado español atravesou un proceso denominado transición que rematou na creación dun estado democrático. Iso non é certo.

O estado español leva máis de 30 anos utilizando sistematicamente a represión como un mecanismo máis á súa disposición para tratar de enmudecer a todas aquelas organizacións ou movementos sociais que loitan contra este sistema. O tal sistema “democrático” é tutelado polos máis poderosos e só redunda no seu propio beneficio.

No estado español reprímense de maneira brutal as mobilizacións obreiras e sociais. No estado español poden entrar pola noite nunha casa e separar unha mai do seu fillo de oito meses, tela incomunicada durante 2 días e soltala sen cargos a case mil quilómetros da súa crianza. No estado español métese na cadea a cidadáns deste país baixo as máis singulares acusacións para despois telos dispersados a centos de quilómetros das súas familias en espera dun xuízo, incumprindo así a súa propia lexislación. No estado español prenden a un compañeiro da CIG, para despois esposalo a unha cadeira e poder así golpealo salvaxemente durante toda unha noite. No estado español (e pase o que pase con nós, xa que é o estado a través dos seus fiscais o que exerce a represión) condénase aos sindicalistas a penas de cadea por defender un dereito fundamental, como é o de folga, mentres indultan sen ningún rubor a corruptos e torturadores (condenados previamente polo seu propio sistema).
Como semella que isto non é suficiente, agora pretenden crear un sistema xudicial do que só se poidan beneficiar as clases máis altas, ademais de reformar o código penal para reprimir con toda impunidade (como se antes non o fixeran!) calquer tipo de mobilización.

É igual. Non nos poden facer nada. Nós temos a razón do noso lado, e por iso non lles temos medo. Como dixo Gorki “Nós somos a verdade”, e a verdade non a poden reprimir nin encadear. E todo isto, pase o que pase con nós, non vai deixar de ser a verdade.

Vigo, 3 de decembro do 2012.

 

Marcos Cadórniga López é sindicalista, foi condenado a 3 anos de cadea pola súa participación nun piquete e está á espera da resolución do recurso perante a Audiencia Provincial