|

Contra a Constitución Española. Pola soberanía, a democracia e a xustiza

Diante deste 6 de decembro, o Movemento Galego ao Socialismo quer manifestar que rexeita, na liña histórica do nacionalismo galego, a Constitución Española. O texto constitucional foi o resultado dunha reforma fraudulenta nacida de forma ilexítima desde unha dictadura fascista, e polo tanto non resolveu ningunha das cuestións cruciais para o pobo traballador galego.

Non só se careceu dun proceso constituínte digno de tal nome, senón que a redacción da Constitución realizouse nunha sociedade conformada por corenta anos de ditadura, sen esquecer que se escoitou permanentemente o célebre “ruído de sables”. Pendeu sobre todo o proceso a ameaza dunha involución militar en caso de que non se aceptase o que as grandes potencias capitalistas tiñan deseñado, de xeito intervencionista, para o Estado Español: unha limitada democracia parlamentaria liberal, a forma política máis axeitada para o capitalismo contemporáneo, con alternancia de dous partidos que comparten o mesmo programa estratéxico. Ademais, o réxime político está baseado na negación da autodeterminación para as nacións que o integran -reservando as Forzas Armadas o papel de garante da integridade territorial- se ben recorreu á concesión dunha mínima descentralización administrativa que pretendía actuar como o opio das nacións sen Estado.

O réxime emanado da Transición permitiu integrar ao Estado español de forma plena no capitalismo global e nas súas principais estruturas (Unión Europea, OTAN), con graves consecuencias para a clase traballadora, os dereitos sociais e as bases económicas de Galiza, sen esquecer outros fenómenos, como a aceleración do proceso de substitución lingüística. Ademais, a Constitución cumpriu a vontade do ditador ao restaurar a monarquía hereditaria nunha familia de longa tradición cleptocrática, prohibindo a elección popular do xefe de Estado, quen ademais foi declarado irresponsábel ante a lei.

Comprobamos día tras día que o marco autonómico non ofrece garantías en ningún sentido. Nin nos permite afrontar a crise cun modelo socioeconómico alternativo -xa que dependemos das decisións tomadas polo goberno español, á súa vez sumiso dos ditados do grande capital transnacional- nin asegura mínimas capacidades de decisión en ámbitos como a educación, en teoría reservado ao goberno autonómico e agora sometido a unha nova recentralización.

A única alternativa viábel é a ruptura con este marco xurídico-político a favor da democracia e a xustiza social, que terá que ser gañada por medio da loita de masas. Neste sentido, é fundamental que a clase traballadora, dotada de organizacións políticas propias, reforce a súa implicación na acumulación de forzas soberanistas en todos os ámbitos sociais, para avanzarmos cara a soberanía e a liberación nacional.

>Campaña de Isca!

>Campaña do BNG