|

“Máis alá!” nº13: “Lingua proletaria do meu pobo”

Un novo número da nosa folla informativa foi distribuído na grande manifestación de Queremos Galego en defensa da lingua, o 27 de xaneiro en Compostela. A seguir podes consultar o seu texto:

O galego, lingua proletaria do meu pobo

As palabras de Celso Emilio Ferreiro son a constatación dobre de que o noso idioma é do pobo, por unha parte, e, por outra, que conserva as súas condicións sociais, incluída a de clase. Porque houbo un tempo, non hai tanto, en que a lingua funcionou como un marcador social: o galego era para as campesiñas, para os mariñeiros, para os obreiros e as obreiras, para quen traballaba nos pequenos comercios por conta allea; e no que o español era para a burguesía comercial e administrativa que, pola súa posición dominante, xamais tivo a necesidade de se expresar na lingua popular como tampouco nunca sente a obriga de se misturar coa clase que explota. A lingua era daquela unha evidencia sonora da posición social e do papel a xogar na sociedade por cada quen.

Hoxe, en troca, o idioma xa non é marcador social: o retroceso alarmante no seu uso non se debe a un acaso. Ao contrario, débese a unha política moi claramente definida que ten a ver coa exixencia de que o idioma, aquel marcador que outrora nos definía e nos irmandaba, se vaia diluíndo de maneira inexorábel e sen facer moito ruído. Só así se explica que o seu retroceso social se acelere precisamente cando os poderes políticos que actúan no noso país comezan, polo menos sobre o papel, a potencialo: cando se varre a prohibición do uso, cando se inclúe no currículo escolar, cando se comeza a facer política lingüística e se estabelece como obxectivo o plano de normalización. Trinta anos despois, que temos? Temos a tristeza de ver como as crianzas das nosas vilas, fillas igualmente da clase que traballa, interiorizan o español como lingua vehicular das súas vidas en liña coa inmensa presión social que as leva por ese camiño e con unha oferta cultural propia que, mediatizada pola administración pública, se constrúe deliberadamente de modo pouco atractivo. Oporse a iso, manter a lingua viva e activa é tamén un marcador, agora político: significa que a nación continúa e que hai a vontade certa de manter e enriquecer a expresión máis clara da súa identidade diferenciada.

Por iso a contestación social e as propostas culturais populares no noso país se expresaron sempre na nosa lingua nacional, a miúdo vinculadas coas exixencias políticas de clase e polo recoñecemento do noso feito diferencial: aí están, como mostra, o riquísimo agromar de asociacións veciñais, culturais e deportivas que se deu entre as décadas de 1980 e 1990; ou a aparición e difusión do nacionalismo organizado, do sindicalismo propio, e da constelación de movementos sociais que abranguen todos os ámbitos posíbeis e que converteron o idioma non só en código de comunicación entre iguais, como tamén en símbolo da reclamación e a exixencia sociais. Unha asociación que ten permanecido até os nosos días, malia a relaxación que algúns movementos recentes teñen amparado ao respeito, sen repararen no que isto comporta.

A teima dos gobernos do Partido Popular en desactivar os movementos populares, que lle son, por definición, opostos, pasa tamén por desactivar progresivamente a lingua en que se expresan e destruír a ideia de que a lingua galega é a lingua propia das reivindicacións populares de xustiza. Por iso o goberno de Feijóo rompeu o consenso tímido sobre a lingua, expresado no plano de normalización linguística, e, recentemente, deu un salto cualitativo servíndose do inglés e dun complexo de inferioridade calculadamente promovido, co fin tan ben expresado polo ministro español de educación: españolizar as nacións dentro do Estado español. Por iso se ten proposto promover a criazón cultural en lingua española, considerándoa tan galega como a galega e descartando publicamente o recoñecemento da lingua propia. Por iso tamén deu carta de normalidade a un movemento supremacista disfrazado baixo o nome de Galicia Bilingüe e premia aqueles sectores mais retrógrados da dereita que defenden barbaridades como La Coruña, Riveira, etc, a través dos gobernos municipais.

Frente a isto, o surximento de movementos transversais como Queremos Galego non é unha casualidade. Porque defender o galego non é só defender un feito específico da nosa cultura inmaterial, senón defender os valores comunicativos que historicamente ten ofrecido aos movementos sociais e políticos. Teñamos claro, polo tanto, que a reclusión da lingua a un uso ritualizado e a vontade de desactivar os movementos de contestación social son dúas caras dunha mesma moeda. E combatamos ambas para non desaparecer.

Consultao aquí o “Máis Alá!” nº 13

Descárga aquí o “Máis Alá!” nº 13

Tags: