|

Contra un sistema corrupto, unidade pola soberanía e a ruptura democrática

Diversas organizacións políticas e sociais (entre elas o BNG, a CIG, a Liga Estudantil Galega ou Isca!) veñen de convocar unha mobilización nacional co fin de dar unha resposta unitaria a un sistema cada vez máis corrupto e agresivo cos nosos dereitos sociais e nacionais. Para reverter a situación apóstase por un cambio de réxime pola vía soberanista, como recollen os lemas da campaña:  “Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega. Por un proceso constituínte e de ruptura democrática. Abonda xa de corrupción e de destrución social e cultural.”

A manifestación nacional terá lugar o próximo 3 de marzo ás 12:00h desde a Alameda de Compostela. Previamente haberá concentracións comarcais nas sete principais cidades do país, o venres 22 de febreiro pola tarde.

A convocatoria conta coa novidade e a importancia política de vir impulsada por organizacións que até agora non tiñan coincidido á hora de intervir socialmente de xeito unitario. Por iso -máis ainda nun momento como este onde a unidade é máis necesaria que nunca- debería servir, partindo da xenerosidade de todas, a ir asentando na rúa dinámicas conxuntas entre os diversos sectores do soberanismo organizado, de cara a articular unha resposta o máis ampla posíbel de todas aquelas persoas e organizacións que defenden desde a esquerda unha transformación social profunda que no noso país só pode vir pola vía da construción nacional e a ruptura co réxime post-franquista español.

A seguir podes consultar o manifeto íntegro para a convocatoria:

Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega

Por un proceso constituínte e de ruptura democrática

Abonda xa de corrupción e de destrución social e cultural

Herdeiras e herdeiros da esperanza de Celso Emilio, erguemos a voz nun tempo escuro para convocar a sociedade galega, a esa inmensa maioría social traballadora, a unha resposta de dignidade e loita para enfrontar o tempo da devastación social e cultural, política e económica, que están a provocar as políticas do capitalismo ultraliberal no noso país, Galiza.

Esta convocatoria quere sinalar como responsábeis os gobernos-títere que atenden submisos ás imposicións dos mercados capitalistas e dos especuladores, grandes empresarios e defraudadores en prexuízo do acervo de dereitos económicos, sociais e culturais e das liberdades políticas que precisamos as galegas e galegos para podermos exercer a nosa condición de cidadanía social. Ese complexo de dereitos e liberdades constitúen os alicerces do outro país que arelamos, ceibe do complexo de violencias estruturais que en todos os eidos da vida social feren as condicións materiais de vida da inmensa maioría traballadora do país.

O réxime político da 2ª Restauración esmorece provocando unha violenta destrución social, económica e cultural sobre o noso pobo, cuxa maioría traballadora contempla a destrución de emprego e o crecemento do paro, desa Galiza que xa ten máis de 350.000 persoas sen traballo e que contempla como a mocidade ten como único futuro emigrar; a voadura dos sectores produtivos estratéxicos do país, do naval ao agrogandeiro pasando polo esganamento da investigación e o desenvolvemento; a privatización e espolio do aforro galego que se quere entregar ao gran capital financeiro; a degradación e privatización dos servizos públicos educativos, sanitarios, sociais e mesmo da xustiza; o roubo e escándalo dunha corrupción funcional ás relacións sociais de produción capitalistas; o emprego do goberno autonómico para destruír a nosa lingua e cultura; ou o incremento continuado da represión policial, xudicial e carceraria, como estamos a ver, contra aqueles movementos sociais, sindicais e políticos que rexeitan este réxime. E como corolario desas agresións, o medo, a pobreza, a precariedade social, a dor e angustia e incluso os suicidios. Denunciamos un réxime político e de acumulación de capital que amortalla vidas, esperanzas e mesmo cadáveres para atesourar moedas, cobiza e egoísmos.

Un réxime onde os sectores máis conservadores gañan tempo nunha das súas batallas máis mediáticas: a eliminación de dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. Este ataque contra o dereito a decidir sobre a reprodución non é accidental e está marcada pola ofensiva contra os dereitos conquistados polas mulleres nos últimos anos. Ao cuestionar a sabedoría das mulleres para decidiren sobre seus corpos e criminalizar aquelas que non queren ser nais, as posicións antiabortistas reforzan o seu papel como nais e esposas no ámbito doméstico.

Estamos diante dun modelo político e social que mete auga por todos os lados e do que nada se pode agardar, porque foi protexido de calquera tipo de mudanza e rexeita mesmo discutir. A súa lexitimidade do punto de vista político está cada día máis deteriorada e só lles fica o recurso permanente á represión para enfrontar as lexítimas demandas do pobo.

Só nos deixan un camiño para as transformacións que as persoas precisamos: A MUDANZA DE SISTEMA.

Os señores de negro, coa complicidade do gran capital, impoñen o secuestro dos dereitos fundamentais do noso pobo: económicos, sociais, lingüísticos e nacionais; utilizando a Constitución de 1978 como útil ferramenta ao servizo dos intereses dunha poderosa minoría oligárquica empeñada, en nome da ilexítima débeda e da “unidade de mercado”, na precarización e españolización definitivas de Galiza.

Estamos perante un momento decisivo para configurarmos o futuro: o vello está a morrer e aínda non agromou o novo. Todos os días afrontamos unha loita decisiva entre o poder económico de banqueiros, especuladores e grandes empresarios que contan coa complicidade dos partidos do réxime, e nós, a maioría do pobo traballador na defensa dunhas condicións de vida dignas. Esa loita require da suma de forzas e esforzos partillados para construírmos un futuro distinto e mellor para o noso pobo; pobo que se achega a esa loita necesaria cos “poderes da fouce i-os poderes da frol/ os poderes do traballo, do pranto e do pan”, á loita xerminal que aventurou o verso de Lorenzo Varela.

Facemos un chamado ancorado na razón emancipatoria á cidadanía consciente deste país e ao conxunto das forzas sociais e políticas e ao sindicalismo de clase do país, a esa inmensa maioría que vive do seu traballo, a se mobilizar nunha primeira acción pública que afirme a determinación e vontade de producir de xeito compartido un novo marco político, social e cultural, que acubille a toda a sociedade galega e permita o despregue de todas as capacidades e potencias que posuímos e que se atopan hoxe en día lastradas por un réxime político e social esgotado e que non é quen de garantir condicións de vida digna á maioría da sociedade, condenando á pobreza a máis de medio millóns de galegas e galegos.

Hoxe en día cómpre artellarmos unha alianza para producir un novo proceso que permita recuperar os nosos dereitos políticos, económicos, sociais, lingüísticos e culturais como pobo, de xeito que non teñamos que emigrar para gañar a vida, que non sexa posíbel sufrir un desafiuzamento, que as mulleres e homes que viven e traballan en Galiza, con independencia da súa situación administrativa, teñan acceso libre aos servizos públicos da nosa sociedade. Non haberá dereitos, liberdades e soberanía nacional galega se non sobardamos os estreitos e antidemocráticos muros deste réxime e damos carta de natureza ás prácticas da democracia participativa e directa. Cando se afasta o pobo, o baleiro ocúpano os intereses do capital. Cando o común enche as rúas, gaña o interese xeral e o ben público.

Para sermos máis, e maioría, na tarefa de construír unha Galiza soberana de iguais en liberdade, convocamos a cantas persoas e entidades acreditan na urxencia e importancia de artellarmos un espazo plural e partillado de acción política e loita social que rescate os poderes públicos do secuestro que sofren polo capitalismo da globalización ultraliberal e permita o exercicio da dignidade, da xustiza e da plena soberanía nacional ao pobo galego.

 

Convocan:

Bloque Nacionalista Galego
Coordenadora Constituinte do Projecto Independentista
Confederación Intersindical Galega
Central Obreira Galega
Federación Rural Galega
Movemento pola Base
Nós-Unidade Popular
Agir
Assembleia da Mocidade Independentista
Briga
Comités
Galiza Nova
Isca!
Liga Estudantil Galega

>descarga o manifesto en pdf