|

Até a vitoria sempre, Comandante!

Morreu Hugo Chávez Frías, o presidente de Venezuela, a figura máis activa, máis polémica, máis esclarecida diso que se deu en chamar o socialismo bolivariano. Foise o home que, por cima de toda a raiba do capitalismo e por baixo do seu discurso impetuoso e firme, conseguiu reinstalar o socialismo no centro do debate e ofrecer, con todas as consecuencias, unha alternativa ao sistema que hoxe rouba e mata no noso país do mesmo modo que leva séculos roubando e matando na América Latina.

Agora a maioría dos governos emiten notas de condolencia. E os xornais fieis ao capitalismo e ao diñeiro fan un repaso pola vida de Chávez. Pero é un momento efémero, e hipócrita. Porque cando ninguén mire —salvo os que sempre estamos pendentes—, volverán á carga coa súa retórica sistémica, criticando o humor de Chávez, o seu estilo comunicativo, as súas alianzas ou a súa popularidade. Criticando, até, que se atrevese a gañar todas as eleccións, e até aquel referendo revogatorio que en 2004 pediu —e obtivo— a oposición empresarial. Volverán, tamén, a dicer que Chávez era a encarnación de todos os males da política, que foi un ditador, insultando así a memoria de calquera que teña sofrido unha ditadura. E, porén, calarán o único que é certo: o abano de políticas concretas que pouco a pouco foi rompendo a rocha da miseria naquel país.

Eses medios, por serviren a quen serven, non dirán nada das misións de vivenda, das misións de saúde, da educación gratuíta —gratuíta de verdade— en todos os níveis; non dirán nada de que as leis laborais, como outras, son decididas en Venezuela através de asembleas de barrio. Curioso ditador que dá as leis ao pobo para que as redacte, e que erradica o analfabetismo para que toda a cidadanía poida ler e formarse, e participar. Non falarán de nada diso porque, facéndoo, abren a veda para as comparacións necesarias co que nós sofremos aquí; para que os seus leitores non sintan a necesidade de ollar, de esguello, para os desafiuzamentos, o desemprego, a emigración, a corrupción, e así por diante.

Pero non é só o que Chávez fixo na súa casa. É tamén o que deixou a modo de legado —que non de epílogo: un inmenso e fecundo regueiro de ferramentas contra o imperialismo: a ALBA, o UNASUR, a CELAC, o Consello Sudamericano de Defensa, o Banco do Sul, o Petrocaribe. E é, sobre todo, o que deixou para nós, socialistas: a mesma semente de vencer que deixou Reboiras. Porque un pobo que coñeceu a dignidade da soberanía non volverá axeonllarse e enterrar a cabeza na lama podre do capitalismo salvaxe, por mais que o pretendan os inimigos de sempre. Nesa loita, toda a nosa solidariedade co povo venezuelano e co ideal bolivariano. Até á vitoria sempre, Comandante!