Civismo sen dereitos: contra o borrador de Ordenanza Cívica do Concello de Lugo

O goberno do PSOE no Concello de Lugo quer imprantar unha nova ordenanza que deu en chamar “de civismo”, a través da cal pretende prohibir e limtar certas actitudes ou prácticas que ao ver do Goberno Municipal lucense non entran no concepto do que entende por “civismo”.

Cómpre previamente, no contexto actual no que vivimos de deturpación e baleiro de contido dos termos políticos, facermos unha reflexión do que significa a verba “civismo”. Esta procede do latino civis,-is que significa cidadán, súbdito ou veciño da cidade. Os latinos empregaban ademais os termos civicus,-a,-um para referirse a todo o que tiña que ver co cidadán a nivel xeral e, máis concretamente, o termo civilis,-e que se traduciría coma cívico, relativo á vida política. Enténdense coma civismo, a día de hoxe, aquelas actitudes e comportamentos que manifestan os/as cidadáns/ás na defensa de certos valores considerados coma fundamentais para a vida colectiva, ou ben o respecto aos valores e institucións propias dun país, unha cultura política en relación co proceso de construción dunha cidadanía nacional Os termos empregados noutros idiomas para referirse a este concepto resultan máis elocuentes: public spirit, community spirit (inglés), gemeinsinn, gemeinschaftgeist (alemán), é dicir, espírito comunitario, público ou de cidadanía. Cidadanía é outro concepto que é empregado moi habitualmente desprovisto do seu significado político -conxunto de dereitos civís, políticos e sociais (T.H. Marshall, 1949[1])– e, concretamente, do proceso social de construción que tivo lugar ao longo da historia en relación coas loitas dos grupos exluídos da plena participación na res publica para garantiren o exercizo dos seus dereitos.

Tamén cómpre ter en conta que o concepto de civismo foi empregado tradicionalmente polas forzas reaccionarias cunha orientación xenófoba ou mesmo excluínte das clases populares e dos seus mecanismos reivindicativos, identificándoo con actitudes “de orde” en contradición cos principios de expansión de dereitos que promovía a esquerda, así por exemplo, o “civismo” é un valor que enarbola tamén o ultraconservador Partido Republicano nos Estados Unidos. A lei de inmigración francesa, promovida pola dereita cunha clara vontade de captar o voto racista do ultradereitista Le Pen, promove a “educación” dos inmigrantes impartindo aulas de lingua francesa e “civismo”. As patrullas de veciños e veciñas que o neofascista Berlusconi promove en Italia tamén levan o cualificativo de “cívicas”. Os falanxistas da provincia de Pontevedra que se adican a perseguir e asasinar aos sectores máis dinámicos e combativos da sociedade do momento, adoptan en 1936 o termo de “Guardia Cívica”pois, segundo a súa concepción de “civismo” as vítimas da represión eran un perigo para o mantemento do réxime que pretendían imprantar despois do golpe de Estado.

Ben, pois o emprego do termo “civismo” para titular esta ordenanza semella facer alusión ás acepcións máis retrógradas e conservadoras do termo, instaurando un auténtico estado de sitio nos espazos públicos da nosa cidade.

O primeiro que cabe destacar do borrador da ordenanza é o feito de ser copia doutras ordenanzas imprantadas en cidades moi diferentes a Lugo, con problemáticas moi afastadas da realidade que se vive na cidade das murallas, tales coma Barcelona, Sevilla ou Granada, por exemplo. Resulta ben pouco realista facer curta e cola de normativas que están pensadas para cidades de 1.615.908, 699.759 e 236.988 habitantes respectivamente, cando se pretende aplicar esa regulamentación a un concello coma Lugo, con 95.416 habitantes censados[2]. Calquera lucense cun mínimo de sentido común comprende que certas problemáticas de carácter delictivo ou incívico que se poidan producir nesas cidades nada teñen que ver cunha cidade coma a de Lugo.

Outro aspecto reseñábel é o carácter excesivamente punitivo e recadatorio da ordenanza, de tal xeito que tan só se limita a facer un catálogo de condutas que ao xuízo de quen a promove considera “incívicas”, sen ofrecer ningún tipo de alternativa de carácter preventivo para que iso non se produza. O carácter desproporcionado das sancións, que poden supor até 750 euros por colar un cartaz, non teñen outra explicación máis ca esa (que mellor sería, en cambio, que o Concello se comprometera a proporcionar espazos suficientes para a comunicación do asociacionismo en todos os barrios da cidade, mais, claro, con iso non faría caixa).

Asemade, inclúense no catálogo de condutas perseguidas actitudes ou realidades que teñen a ver cos efectos da discriminación e exclusión social de determinadas persoas, mais non se ve ao Concello de Lugo decidido a combater as causas. O sistema capitalista no que nos é imposto xera desigualdades e provoca a pauperización das condicións de vida das persoas mentres acumulan riqueza os poderosos, o cal explica que haxa persoas que se vexan avogadas á mendicidade ou a determinadas formas de subsistencia nas que expoñen o seu corpo, como é o caso da prostitución. Ben, pois estas condutas son atacadas pola “Ordenanza Cívica”, mais non se persigue a quen produce esa situación, senón a quen ten que vender panos nun semáforo ou durmir nun banco na rúa. Por contra, o Goberno Municipal presenta uns orzamentos para o ano 2010 a aprobar neste mes de decembro nos que non se apreza incremento ningún no gasto social destinado a contrarrestar ese tipo de situacións a través de programas de emerxencia social, medidas preventivas e de axuda. Simplemente o que se procura é que non saian á vista as vergonzas do sistema, que resultan molestas para os “cívicos” gobernantes da cidade con adicación exclusiva paga polas arcas públicas. Isto trátase, nin máis nin menos, que dunha nova Lei de Vagos y Maleantes coma a do Franquismo, dunha medida que pretende “limpar” das rúas aos grupos sociais esmagados polo sistema, aproveitando, de paso, para inviabilizar todo movemento popular pola vía de prohibir colocación de cartaces, pancartas, colantes e mesmo organizar manifestacións na rúa sen o consentimento do Concello (tomemos coma exemplo episodios de mobilización popular que se teñen producido nos últimos anos, coa aplicación desta ordenanza boa parte da actividade da plataforma Nunca Máis ou da.Coordenadora Galega pola Paz, ou das folgas xerais convocadas serían denunciábeis se non gostara o Goberno Municipal das súas reivindicacións).

No seu exceso de celo punitivo, esta ordenanza chega a normativizar e sinalar sancións en aspectos que ben xa están regulados noutras ordenanzas do Concello, ou ben que nin son sequera competencia municipal, coma todo o relativo á lexislación en canto a menores, mafias, etc.

As formas coas que se levou a cabo a posta en marcha desta norma tampouco se caracterizaron pola vontade incluínte nin polo consenso social. Até o de agora non houbo intervención de ningún Consello Municipal dos que hai constituídos, nin dos departamentos do Concello e sectores sociais directamente implicados. Seica se vai convocar un “foro cívico” de escasa representatividade social que se empregará coma adubío democrático ao escuro proceso que se está a levar a cabo.

Esta ordenanza, pois, resposta a unha operación de achegamento do goberno Orozco aos sectores máis reaccionarios da sociedade lucense, practicando a man dura cos grupos sociais máis baixos ou combativos, atacando directamente aos dereitos civís máis básicos das persoas e negando o uso público dos espazos colectivos, converténdoos nun espazo restrinxido e controlado dende unhas instancias de poder controladas polos sectores economicamente poderosos.

Entendo que resulta lóxico coma unha fórmula básica de convivencia dar unha alternativa ao lecer da mocidade que non moleste o necesario descanso dos veciños e veciñas da cidade, mais estas medidas deben levarse a cabo póndo de acordo aos diferentes sectores implicados e chegando a amplos consensos onde a mocidade sexa un activo máis a ter en conta nese proceso, non actuando de sheriff de película do Oeste dende as institucións e, moito menos, introducindo no paquete unha serie de actuacións propias dun campo de concentración do Terceiro Reich.

Xa que logo, o Bloque Nacionalista Galego, en tanto que organización que proclama nos seus principios programáticos a defensa dos intereses das clases populares galegas e do principio de auto-organización do pobo galego, debe axir para impedir que esta normativa saia adiante tal cal está, facendo rectificar ao PSOE nesta regulamentación antidemocrática. Eu, coma militante do BNG –do mesmo xeito que o resto de compañeiros e compañeiras que conformamos o espazo soberanista e de esquerdas nucleado arredor do Movemento Galego ao Socialismo- traballarei activamente para conseguir que así sexa, agardando a resposta recíproca dos cargos institucionais do Bloque.

Antonio Somoza Cayado
Militante do Movemento Galego ao Socialismo

[1]Marshall, T.H. (1949): Citizenship and Social Class.

[2]Actualización do Censo Municipal de 2008 (Instituto Nacional de Estadística, www.ine.es)

Ligazóns

Isca!BNGCIG

Arquivos

RSS Novas da web de Isca!

RSS Novas do xornal dixital da CIG

RSS Novas da web do BNG