Principios e obxectivos

1. O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) é un partido revolucionario que loita pola superación do capitalismo e pola liberación nacional da Galiza, pola democracia socialista e o comunismo, no que toda explotación será abolida.

2. O MGS asume que o único camiño para rematar coa opresión é a participación masiva do pobo traballador no proceso independentista e de construción, defensa e consolidación da nova sociedade.

Aspiramos a dinamizar e reforzar a loita popular en ligazón estreita co pobo traballador, a partir da coherencia máis estrita entre medios e principios políticos, para acadar a constitución dun Estado galego soberano e independente, a toma do poder pola maioría social, a derrogación da propiedade capitalista dos medios de produción e finalmente a abolición de todas as clases.

3. O MGS emprega o marxismo como teoría crítica do capitalismo inseparábel dunha práctica política emancipatoria por medio da resistencia e a revolución. Igualmente, inspirámonos tamén no legado teórico e práctico da loita soberanista, así como noutros procesos desenvolvidos ao longo do mundo polos movementos de liberación nacional e a clase traballadora. En particular, utilizamos as leccións positivas e negativas aprendidas dos distintos procesos de construción do socialismo e o contributo fundamental do leninismo.

4. O MGS considera complementarias e indisociábeis as súas obrigas internacionalistas e o seu compromiso nacional. Deste xeito, asociamos dialecticamente patriotismo e internacionalismo, que baseamos nos intereses comúns da clase traballadora e nos obxectivos do proletariado de todos os países na súa loita contra o capitalismo e o imperialismo.

5. O MGS aposta pola acumulación de forzas no Bloque Nacionalista Galego (BNG), fronte patriótica que representa a expresión unitaria do nacionalismo galego pola soberanía nacional e o progreso social.

En paralelo, o MGS defende o principio básico da auto-organización do pobo galego e define como prioritaria a acción política consciente no ámbito dos movementos sociais e organizacións de masas, nomeadamente o sindical, no camiño do reforzamento da alternativa hexemónica do traballo fronte á orde social do capital.

6. A estrutura organizativa e operativa do noso partido axéitase á súa natureza revolucionaria. Os seus principios fundamentais son o asemblearismo, a dirección colectiva e unitaria, a disciplina militante, a crítica e a autocrítica. Estes principios aplícanse de forma consistente, integrada e creativa, asegurando á vez asunción da responsabilidade persoal e colectiva, discusión democrática e aberta a todos os niveis, e unidade de acción. A unidade política, ideolóxica e organizativa é unha condición necesaria para que o MGS acade os seus obxectivos.